Como novidade, este perímetro protector de case 800 metros cadrados conta con lonas informativas da primeira campaña municipal de concienciación #SanXoanSenLixo. Estas pancartas conteñen o ‘decálogo’ de boas prácticas para esta noite: “Non deixes lixo. Recicla. Respecta a protección do sistema dunar. Evita facer buratos, teñen impacto negativo no ecosistema. Recorda que as cabichas tamén contaminan. Súmate a esta campaña medioambiental difundíndoa e concienciando aos teus”.
En total, unha trintena de brigadistas voluntarios vestidos coa camiseta verde #SanXoanSenLixo concienciará a partir da medianoite entre os asistentes da importancia de non deixar lixo na praia, polo que tamén por vez primeira se instalarán cinco illas de reciclaxe nas respectivas entradas ao areal.
Paralelamente, tamén por vez primeira, o Concello de Nigrán instalará un ´Punto violeta’ no paseo marítimo de Panxón de 9:00 a 2:00 co obxectivo de informar, sensibilizar e previr calquera tipo de comportamento sexista que poidan sufrir as mulleres durante a celebración da festa. Contará coas dúas técnicas do Centro de Información ás Mulleres do Concello de Nigrán e tres axentes de igualdade que se ocuparan da dinamización da mesma. Baixo o lema “Queres ? Nunca sen un si” está destinada a poboación moza e pretende previr as agresións sexuais en entornos lúdicos e sensibilizar en torno a violencia de xénero, así como prestar apoio en caso de agresións sexuais. Esta mesma campaña se repetirá noutros eventos señeiros do Concello.
Dende o punto de vista da atención sanitaria, na Xunta de Seguridade do xoves acordouse dispor de dous hospitais de campaña en contacto directo co 061 que, como novidade, se ubicarán nas instalacións deportivas municipais de Gaifar e estarán atendidos por un médico, catro técnicos sanitarios, 3 enfermeiros e 25 efectivos de protección civil (moitos deles titulados sanitarios). Ademais, contará cunha ambulancia básica e outra avanzada. Dende o punto de vista da seguridade o dispositivo estará composto por todo o persoal da Policía Local con reforzos (26 efectivos en total); dous bombeiros do GES, unha ducia de axentes da policía autonómica que se adicará fundamentalmente ao control da venda e consumo de alcol de menores; 57 gardas civís (entre eles do Seprona) que se ocuparán especialmente de vixiar a protección do sistema dunar ou do control na venta de alimentos e, adicionalmente, por vez primeira haberá unha patrullera de servicio marítimo no mar.
«Temos todo disposto e completamente coordinado para que a festa transcorra con normalidade, sen incidentes, e que polo tanto as fogueiras sexan as protagonistas. Ademais, será a primeira toma de contacto con dúas campañas que veñen para quedarse: a de celebrar un San Xoan máis sostible medioambientalmente e a de prevención da violencia de xénero nas festas», resume o rexedor, Juan González.
O Concello de Nigrán ten un total de 46 fogueiras autorizadas para esta noite en todo o municipio, o dobre que o ano anterior.