Despois de sacar a concurso a concesión o pasado mes de xaneiro cun novo prego de condicións, este novo canon de explotación, fixado en 25.101 euros anuais, suporá un incremento dun 30% nos ingresos ás arcas públicas respecto ao anterior contrato, establecido en 7.500 euros.
O novo local pasará a denominarse Marina Panxón co obxectivo de seguir mesma filosofía que o Marina Cíes, e prevé abrir as súas portas ao público en Semana Santa. «A intención da empresa e do Concello con este espazo renovado é proporcionar un servizo de calidade ás veciñas e veciños, ofrecendo unha imaxe coidada e moderna de Panxón e mellorando a calidade da oferta turística do municipio», comenta o alcalde de Nigrán, Juan González.
O rexedor destaca, ademais, que a adxudicataria é unha empresa contrastada, cunha dilatada experiencia neste tipo de negocios, como dá conta o recoñecemento do que gozan os seus distintos establecementos na cidade de Vigo. «Estamos moi satisfeitos coa firma desta concesión porque mellora ampliamente a proposta económica da anterior, o que reverterá nun maior volume de ingresos para o municipio», declara González.