Este proxecto era unha reivindicación da veciñanza de Parada, porén, nunca se levara a cabo porque non contaba coa autorización sanitaria precisa para proceder á súa regularización. “Trátase dunha aposta firme do Concelleiro de Sanidade e natural desta parroquia, Alfonso Vázquez, que fixo todas as xestións necesarias ante a Xunta de Galicia nos últimos meses para que isto fose unha realidade”, apunta o alcalde de Nigrán, Juan González.
Os técnicos municipais están estudando o proxecto para a súa aprobación definitiva segundo os requisitos esixidos polo Decreto 151/2014 de sanidade mortuoria de Galicia e no que figura a construción de 36 nichos, cunhas dimensións libres de 0,87 metros de ancho, 0,70 metros de alto e cun fondo de 2,70 metros de lonxitude. O orzamento para a súa construción ascende a 34.272,90 euros, “que será sufragado ao 100% por fondos municipais”, aclara o rexidor, e engade: “Non suporá un gasto senón que será unha inversión, xa que hai unha gran demanda de sepulturas nesta parroquia”.
Os materiais que se utilizarán nos nichos serán impermeables, asegurándose unha drenaxe adecuada e unha expansión dos gases en condicións de inocuidade e saída exterior pola parte elevada.