Os alcaldes de Vigo e de Gondomar coincidiron este venres ao destacar a importancia de que a lei de área metropolitana se reforme o antes posible, segundo o espíritu do modelo que funciona en Barcelona ou tal e como entrou no Parlamento de Galicia a norma vixente nestes momentos, é dicir, antes de que o PP a modificara durante a súa tramitación, segundo explicou o rexedor vigués.
Durante a «extraordinaria» reunión que mantiveron esta mañá, Abel Caballero e Francisco Ferreira deron conta da necesidade de construir un proxecto conxunto que recolla aspectos como os servizos, cercanía, iniciativas comúns e todo o que implica a construción dunha área metropolitana. «Ambos compartimos ao 100% o proxecto que desde o Concello trasladamos ao presidente da Xunta», dixo Caballero, engadindo que os dous mandatarios tamén avogan por incluir aos concellos do Baixo Miño no ente supramunicipal, tal e como xa solicitou Tomiño no encontro que a alcaldesa mantivo esta mesma semana co rexedor vigués.
A situación do polígono da Paisaxe, o abastecemento de auga para o municipio ou o transporte son algúns dos temas que Caballero e Ferreira comentaron durante o encontro.