“Decidín ceder as miñas obras en agradecemento ao excelente trato que me deron tanto o Concello de Baiona como a Confraría de Pescadores cando puiden expoñer na Capitanía Marítima”, explica o autor tras entregar o cadro e as imaxes. Cristino González, asturiano de nacemento e vigués de adopción, foi o protagonista da mostra que estivo aberta dende o 15 ao 30 de xuño.
A Fortaleza de Monte Boi, o Parador Conde de Gondomar, Monteferro, as Illas Estelas e as Cíes inspiraron ao autor no seu óleo. Pintor tardío, tal e como se define, estudou co recoñecido Mingos Teixeira e agora busca paisaxes mariños que lle sirvan de inspiración. Tras recibir o encargo de expoñer en Baiona, decidiu pintar a baía e esa obra cedela ao Concello.
“Estamos moi agradecidos a Cristino pola súa xenerosidade e buscaremos o lugar apropiado para que as súas obras poidan lucir aos ollos de todos os baioneses”, apuntou a concelleira de Cultura, María Iglesias.
Ademais do óleo sobre acuarela, o pintor tamén decidiu regalar sete fotografías á Confraría de Pescadores en agradecemento igualmente á colaboración prestada durante a súa mostra e as imaxes serán expostas na Casa-Museo da Navegación de Baiona. “Son tamén afeccionado á fotografía e puiden retratar ás mariscadoras no propio porto e na praia da Ladeira, polo que parecíame apropiado que elas tiveran no seu poder algunha das fotos”, engade Cristino.