Trátase dunha peza orixinal da obra “A Virxe da Roca. Apropósito lírico en tres cuartos e en verso”, escrita por José María Barreiro e con música de Ángel Rodulfo. Impresa en “La Nueva Prensa” de Vigo no ano 1910 cunha extensión de 30 páxinas, a obra teatral foi escrita en tres cadros e en verso, e foi estreada no Teatro Zorrilla de Baiona, xa desaparecido, un 18 de setembro de 1910.
Aquela estrea hai máis dun século foi en honor á Duquesa da Conquista, representante da Raíña Victoria no acto de colocación da primeira pedra do Monumento á Virxe da Roca. Esta publicación centenaria pasará a formar parte do nutrido Fondo Local co que conta a Biblioteca Municipal de Baiona e que xa supera os 220 rexistros.
Foi Luís María Salgado Sáez, sobriño-bisneto de Laureano Salgado, o artífice da chegada da luz a Baiona, o que fixo a doazón á Biblioteca de Baiona. María Iglesias, concelleira de Cultura, valorou a achega feita polo veciño en favor da Vila. “Ven a completar o xa extenso arquivo municipal e supón unha gran contribución ao patrimonio baionés que agora estará a disposición de todos os veciños”, sinalou.
A Biblioteca está sendo sometida a unha profunda reforma para mellorar as instalacións pero durante o ano 2016 mantivo unha notable actividade aumentando o número de usuarios. En total, durante o ano pasado a Biblioteca Municipal fixo 8.329 préstamos, tivo 115 novos usuarios, 30.419 visitas, 9.165 conexións a wifi e 934 incorporacións ao catálogo.