Equipo de goberno, oposición, sindicatos e empregados municipais coñeceron a proposta da empresa JL Tudo Consulting para organizar o reparto de tarefas no Concello. O goberno local co alcalde, Ángel Rodal, á cabeza apostan por avanzar para que Baiona poida converterse nun dos primeiros municipios galegos en aprobar a RPT á que están obrigados pola lei.
“Aplicamos a máxima transparencia posible e queremos que sexa o máis consensuado posible porque é unha ferramenta de traballo para o organigrama municipal e a estabilidade económica do Concello”, afirmou o alcalde despois da reunión mantida con todos os traballadores no salón de plenos da Casa do Concello.
A presentación de RPT é o primeiro paso para a súa posta en marcha. A partir da próxima semana celebraranse as mesas negociadoras con todas as partes implicadas. “Este tipo de documentos no son sinxelos de aprobar, de feito hai moi poucos concellos galegos que contan con el, pero nós estamos dispostos a incorporar todas as achegas para que mellore”, sinalou Rodal.
Despois das mesas negociadoras e da inclusión das melloras, o documento levarase a pleno para a aprobación inicial. A continuación, haberá un período de exposición e de presentación de alegacións para acabar coa aprobación definitiva nunha nova sesión plenaria.
A empresa JL Tudo Consulting foi contratada polo Concello para o estudo e comezou a traballar a finais do verán pasado. Nas súas primeiras conclusións calcula que o orzamento municipal deberá asumir un aumento de 300.000 euros para facer fronte a nova RPT.
“O primeiro contacto con todas as partes foi moi positivo e se todo vai ben haberá que negociar para adaptar o orzamento municipal”, conclúe Ángel Rodal.