O encontro coa máxima responsable autonómica de Pesca celebrouse o pasado venres en Santiago, onde o rexedor puxo ao día a conselleira sobre a situación da confraría e as peticións que os percebeiros lle trasladaron na xuntanza celebrada o pasado 10 de xaneiro.
“Sempre dixen que estaba disposto a mediar para que os problemas se solucionen canto antes, polo ben de todos os sectores e polo ben da vila, e existiu moi boa sintonía, tanto na reunión cos percebeiros como coa conselleira”, afirmou este mércores Ángel Rodal.
O alcalde xa se ofrecera no anterior pleno municipal de xaneiro a mediar no conflito da Confraría de Pescadores e convocou aos percebeiros a unha xuntanza para pedir a súa colaboración. Este mércores estivo de novo reunido con eles para informarlles de primeira man sobre a súa visita á Consellería do Mar.