A dotación foi reinaugurada cun rotundo éxito a pasada semana tras as obras levadas a cabo pola empresa Materval de Baiona. Entre os traballos que fixo a Concellería de Vías e Obras inclúese unha nova rampla para realizar xiros e un novo caixón para os saltos, ademais das labores de mantemento do resto da infraestrutura, co pintado da rampla e do chan. As melloras tamén centráronse na instalación dun perfilado con chapa mecánica e a retirada das vallas.
Os propios mozos e mozas da vila foron os que deseñaron os cambios e fixeron chegar as súas peticións ao Concello de Baiona en varias reunións mantidas durante as últimas semanas.
A pista de skate cumpriu xa 12 anos e a última reforma levouse a cabo hai catro anos. “Estamos moi orgullosos da reforma e do éxito nos primeiros días de inauguración, así como que foran os propios usuarios os que definiran as melloras, porque preferimos que o desgaste, tanto da pista como do resto dos parques de Baiona, sexa por uso e non porque estean infrautilizados”, apuntou o alcalde, Ángel Rodal.