Cun investimento de 45.000 euros, procedentes dos remanentes de Tesorería, e co apoio da Deputación de Pontevedra, que aportou 7.500 euros, levouse a cabo a recuperación dunha parcela que ata o de agora era utilizada para almacen. Os traballos remataron esta semana e supoñen a rehabilitación dunha zona de 230 metros cadrados.
Eliminados os alpendres e un portalón metálico que afeaban a contorna da Casa do Reloxo, a praza foi acondicionada con pavimento de granito, bancos, papeleiras e vexetación para crear un espazo de ocio para os baioneses. Ademais, a través dunha zona de xabre pódese acceder aos xardíns do Museo da Navegación.
«O equipo de goberno ratifica con esta actuación o seu compromiso coa renovación do casco histórico e pon o broche de ouro ás melloras na Rúa do Reloxo. Supón unha mellora notable da estética do lugar que pon en valor unha nova zona peonil dentro do espazo adicado á cultura, o medio ambiente e o goce de todos os veciños», segundo destacou o alcalde, Ángel Rodal.
A apertura da praza xera tamén un recinto libre ao tránsito peonil delimitado polo museo, a emblemática Torre do Reloxo, o viveiro de empresas recentemente habilitado e o xulgado de paz, de forma que os xardíns xa teñen acceso desde tres rúas diferentes: Reloxo, Conde e Ventura Misa.