O rehabilitado edificio de Sancti Spiritus, do século XVII, dispón dun patio interior que estará accesible aos peregrinos do Camiño Portugués pola Costa. “Trátase dunha estrutura arquitectónica de planta cadrada, unha das máis antigas da construción, xa que este patio centralizaba as antigas dependencias do Hospital Sancti Spiritus ás que se podía acceder mediante unhas escaleiras en pedra que aínda hoxe consérvanse situadas en dous puntos diferentes do patio”, explica Cristina Vilar, directora do Arquivo Histórico e Biblioteca de Baiona.
O mencionado atrio terá acceso directo dende a rúa Manuel Valverde, lugar polo que pasa o trazado do Camiño do Santiago, e os peregrinos poderán acceder ata o lugar no que se atopa as efixies do Apóstolo, no alta dunha das escaleiras, e do Espírito Santo, no centro do patio.
“Estamos a falar dunha das xoias do patrimonio cultural de Baiona e queremos que os camiñantes poidan ter entrada para que desfruten do conxunto arquitectónico e tomen tamén un descanso á vez que selan a súa credencial en ruta a Compostela”, apunta o alcalde, Ángel Rodal.
Segundo relata Cristina Vilar no seu informe histórico do patio, dende este lugar se contemplar parte da fachada Norte da Igrexa Medieval de Santa María, ofrecéndonos “unha perspectiva que fai integrarnos no corazón máis antigo do núcleo urbano de Baiona”.
Engade a directora que “presidindo este fermoso patio” atópase unha figura do Espírito Santo que podería ser “unha das esculturas exentas máis antigas que conservamos en Baiona” e destaca o pedestal en pedra, con dous pés de columnas, a modo de ara ou altar.
A rehabilitación do edificio para a construción do novo Arquivo Histórico e Biblioteca de Baiona, financiada polo Ministerio de Fomento, xa rematou este mes de xullo e durante o verán levarase a cabo a colocación do mobiliario para que as instalacións poidan estar abertas ao público o vindeiro outono.