O stand de Galicia na 37ª edición de Fitur, acolleu un acto promocional da Festa da Arribada, dentro a presentación das festas galegas declaradas de Interese Turístico Nacional e Internacional. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou que “estes acontecementos favorecen a implementación dunha oferta de lecer atractiva para todos aqueles que queiran vivir unha experiencia singular nos ámbitos gastronómico e cultural dentro do noso territorio”, sinalou.
Na súa intervención o alcalde de Baiona, Ángel Rodal, invitou a todos os presentes a visitar o Real Mercado e presentou o novo vídeo e cartel da festa. “Baiona trasládase ao Medievo para recrear a chegada da carabela “La Pinta” co descubrimento de América e convértese no lugar de referencia durante toda a fin de semana en Galicia”, sinalou.
O Concello xa decidiu consolidar este ano o venres coma día de apertura da Festa da Arribada e acordou cos empresarios do Casco Histórico ampliar o horario do mercado. Desta forma, a hora de peche do sábado será ás 12 da noite, aumentando unha hora respecto ao ano pasado, cando os postos de comida e artesanía tiñan que estar pechados dende as 11 da noite.
O prazo para que todos os interesados soliciten o seu posto no Real Mercado comezará o próximo luns e estará aberto durante dúas semanas.
Concello e Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (Aceba) xa decidiran hai uns días introducir varios cambios no funcionamento da festa para mellorar a mobilidade dos visitantes e a recollida do lixo.
Así, quedarán eliminados tanto os vasos de cristal como os de barro que se viñan empregando ata agora e dende esta edición haberá un envase de cartón ou papel reciclado para todos os negocios.
Ademais, a proposta de Aceba acordouse a creación dun circuíto peonil de sentido único polas rúas máis céntricas da Vila. A aglomeración de visitantes provoca todos os anos que a circulación dos peóns sexa complicada, polo que o Concello e os empresarios acordaron sinalizar unha ruta de dirección única que aparecerá indicada en todos os mapas e os programas da festa.