“Esta concellería ten, como un dos seus piares principais, o traballo en pro da calidade turística e da mellora continua para poder ofrecer un servizo que supere as expectativas dos nosos turistas e visitantes. Por iso, consideramos prioritario mellorar a formación da atención ao público en inglés, xa que nos últimos anos aumentou a chegada de turistas estranxeiros, sobre todo, peregrinos”, apuntou Beatriz González, concelleira de Turismo.
O curso, que se celebrará do 2 de febreiro ao 2 de marzo (os xoves 2, 9, 16 e 23 de febreiro e 2 de marzo), terá unha duración de 10 horas e oferta un total de 30 prazas. A Casa do Reloxo, onde se sitúa o viveiro de empresas (Rúa do Reloxo), acollerá o curso, que inclúe dúas convocatorias en horario de mañá (9:30 -11:30 horas) e tarde (17:00 – 19:00 horas).
Os obxectivos específicos do curso son a expresión e interacción oral para facer e responder preguntas sinxelas sobre a vida cotiá, a comprensión oral para deletrear palabras básicas, comprender palabras e expresións moi básicas sobre eles mesmos, as súas familias e o seu entorno, falando amodo e con claridade; a expresión e interacción escrita para poder escribir unha breve nota sobre o seu traballo, encher formularios con datos persoais, e a comprensión escrita de nomes, palabras e frases moi sinxelas, por exemplo en letreiros e carteis.
As persoas interesadas poderán solicitar praza ata o martes, 31 de xaneiro, e as persoas interesadas en participar na convocatoria deberán presentar a solicitude de inscrición, debidamente cumprimentada e asinada, no rexistro de entrada do Concello de Baiona de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00h, xunto coa fotocopia do DNI, copia do contrato laboral, certificado de empresa ou nómina e vida laboral actualizada.
Máis información a traves a través do Departamento de Turismo de Baiona, no teléfono 986 38 59 24 ou nos enderezos de correo electrónico: turismo@baiona.org / cat@baiona.org