O Concello de Baiona xa instalou hai meses puntos de composteiros comunitarios no barrio dos Tendais, no Camiño do Carme, na parroquia de Sabarís, e no Burgo, onde os veciños poden depositar os residuos para que sexan sometidos aos procesos de compostaxe.
O proxecto pretende o aproveitamento da materia orgánica, posto que constitúe practicamente o 50% de todos os residuos urbanos, polo que o Concello e a Deputación animan aos baioneses a utilizar os composteiros xa instalados.
Segundo os datos da Concellería de Medio Ambiente, a produción dun cidadán en Baiona é de aproximadamente 400 gramos de materia orgánica diaria e considérase que o sistema empeza a ser rendible se se recolle arredor de 250 gramos. Desta forma podería aforrarse un 20 euros por habitante e ano en tratamento deses residuos, xa que de cada 100 quilos de lixo orgánico obtéñense 15 quilos de compost.
“A Unión Europea pretende que no ano 2020 recíclese un 70% dos residuos urbanos que se xeran, e Baiona dentro do plan Revitaliza da Compostaxe aspira a este obxectivo, xa que supón vantaxes económicas e ambientais”, apunta María Iglesias, concelleira de Medio Ambiente.
O Concello destaca que coa compostaxe afórrase en fertilizantes e mellórase a calidade das terras e plantas, sen elementos químicos, fortalécense o chan do céspede, dos arbustos, das árbores e da horta, cunha calidade de asimilación incomparablemente superior á de sustancias químicas ou substratos de orixe descoñecida que compramos.
Dende Medio Ambiente apuntan tamén que o compost vigoriza a terra e favorece a actividade da vida microbiana, evita a erosión e o lixiviado dos nutrientes e, en xeral, potencia e favorece toda a actividade biolóxica dos chans, que é a mellor garantía para previr pragas e enfermidades nos vexetais.
“Contribuímos a reducir a contaminación ao non utilizar axentes químicos e evitar a incineración, facemos do lixo un recurso e pechamos o ciclo da materia orgánica, o que sae da terra volve á terra, reducindo tamén o consumo de combustibles para o transporte”, engade a concelleira.
As campañas municipais tamén demostran que as familias que participan na reciclaxe e separan correctamente a parte orgánica melloran tamén as cocientes de separación de envases, cartón e vidro.