Segundo explican dende a federación de Construción da CIG de Vigo, a camiñada arrincará da fábrica situada na estrada de Atios a Pontellas (O Porriño) ás 8:00 horas e rematará diante do edificio administrativo da Xunta na cidade olívica en torno ás 13:00 horas.
Dende o comité de empresa, presidido pola CIG, fan un chamamento á veciñanza dos concellos que resultarían afectados polo peche da compañía a sumarse á marcha en demanda do mantemento dos 250 postos de traballo e da aplicación de medidas que garantan a viabilidade dunha firma estratéxica para o sur da provincia de Pontevedra.
Precisamente para facilitar a participación do cadro de persoal na mobilización o comité convocou unha xornada de folga, ao tempo que continúa coas xestións institucionais orientadas a recadar apoios entre as distintas administracións públicas locais.
Neste senso, a representación sindical continúa á espera de que a Consellaría de Economía, Emprego e Industria convoque unha xuntanza para informar das xestións realizadas para intentar salvar a compañía.