A totalidade dos concelleiros da Corporación do Porriño, integrantes de todos os grupos políticos da mesma, entidades veciñais, sociais e culturais, comunidades de montes, representantes de sindicatos, de colectivos económicos e empresariais, de clubs deportivos, asociacións profesionais, de comerciantes ou de hostaleiros chaman ás veciñas e veciños a participar nesta mobilización, a primeira das previstas para conquerir que se cumpra unha “reivindicación que xa dura 70 anos: que o tren deixe de pasar polo centro da vila”.
Logo de distintas xuntanzas e entrevistas con responsables de Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) nos últimos anos, do accidente de setembro de 2016 no que morreron catro persoas e outro medio centenar resultaron feridas e a visita a O Porriño da directora xeral de Infraestruturas de ADIF, a Corporación decidiu que había que prescindir das negociacións con ADIF.
Segundo entenden, o acontecido é unha “tomadura de pelo” e por iso consideran como único interlocutor valido ao ministro ao Ministerio de Fomento, polo cal hai máis dun mes remitiron unha carta a Íñigo de la Serna pedindo unha xuntanza, carta que non tivo resposta a día de hoxe.
Ante estas circunstancias, responsables públicos, sociais, culturais, deportivos, empresariais e profesionais do Porriño decidiron convocar esta manifestación á que pediron a meirande asistencia posible.