Na reunión, a rexedora reiterou a postura de toda a Corporación Municipal que considerou inviable e inaceptable a construción dun paso soterrado ou elevado para peóns e coincidiu coa responsable de ADIF en “traballar nun proxecto que conseguirá que o tren deixe de pasar en superficie polo centro do Porriño”.
García de la Torre vén de convocar aos voceiros dos grupos municipais para informarlles desta xuntanza, “da cal saín moi satisfeita e segura de que a eliminación do paso a nivel está máis preto que nunca”, grazas ao cambio no Goberno de España que entende que hai que afrontar con urxencia un problema “que padecemos as porriñesas e porriñeses e que pedimos que se solucione dende 1948, hai xa 70 anos”.
O seguinte paso será o de manter unha reunión de traballo co secretario de Estado de Infraestruturas do Ministerio de Fomento para fixar que os Presupostos Xerais do Estado para 2019, que o Goberno quere aprobar no mes de novembro, recolla o proxecto de eliminación do paso a nivel e o orzamento necesario para executalo.