A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra e deputada de Deportes, Luisa Sánchez, asistiu a tarde do sábado no Castelo de Sobroso á presentación da tempada 2024 do Club Ciclista Ponteareas – Escola Borja Gómez Méndez, na que destacou o club como “un auténtico exemplo de paixón polo deporte. Xa son máis de 45 os anos que levades traballando e loitando polo deporte base –asegurou-. Sodes un club exemplar e é unha sorte tervos na provincia de Pontevedra. Ao acto tamén asistiu a alcaldesa de Ponteareas e deputada provincial, Nava Castro.
Na súa intervención, a responsable provincial de Deportes quixo “tender a man” do goberno da Deputación para impulsar o ciclismo, porque “temos un firme compromiso co deporte da provincia, que é unha das nosas liñas prioritarias”. Ademais, destacou a importancia de traballar para “colocar á provincia no escaparate mundial do mellor ciclismo, porque temos capacidade para acoller probas de primeiro nivel como as que se organizan cada ano desde o Club Ciclista Ponteareas”.