O son da gaita e o baile tradicional acompañaron o acto, no que o rexedor vigués quixo agradecer o “xesto de amizade” por parte da vila guardesa, da que confesou sentirse moi próximo. “Un dos meus primeiros recordos é aquí, na praia, cos meus país intentando que me metera na auga”, confesou Caballero, ao explicar que, cando era un neno, esta era a localidade escollida pola súa familia para pasar o verán.
Referíndose ao estreito vínculo que une a ambas localidades, Antonio Lomba asegurou que o nomeamento da nova rúa resolve unha débeda pendente co veciño vigués. “A Guarda é a nosa vila, pero Vigo é a nosa cidade”, afirmou.
Descuberta esta placa, o acto trasladouse á nova Rúa do Celta, onde Mouriño confesou que o recoñecemento “é un orgullo, unha satisfacción e un compromiso, que nos obriga a estar máis pendentes de todo o que pasa ao noso redor e coa nosa afección”.
“O Celta non leva só o nome de Vigo”, asegurou o presidente celeste, senón tamén o de moitas outras localidades que, como a guardesa, contan cunha afección “grande e ruidosa”, engadiu Antonio Lomba.
A nova rúa Vigo substitúe á Primeira e Segunda Transversal Bechos, mentres que a Rúa do Celta rebautiza a Terceira Transversal Bechos.
Ampla representación
O ex-xogador Vladimir Gudelj e os futbolistas Sergio Álvarez e Nemanja Radoja uníronse á celebración e atenderon á afección. Decenas de persoas agardaban na nova rúa do Celta con balóns e camisetas celestes para poder facerse cun autógrafo dos futbolistas, que cumpriron de boa gana as demandas de pequenos e maiores.
Namentres, Carlos Mouriño aproveitou para coñecer a exposición ‘Arte do adentro’ do colectivo SomosArte, que estes días se expón no Centro Cultural da Guarda.
Na inauguración tamén estiveron presentes o presidente da Peña Celtista do Baixo Miño, José Carlos Rodríguez, o concelleiro de Deportes vigués, Manel Fernández, o primeiro tenente de alcalde da Guarda, Miguel Español, e outros membros da corporación local.
? ¡O Concello de A Guarda inaugurou hoxe a Rúa do Celta! O presidente Carlos Mouriño e os xogadores Sergio e Radoja acudiron ao acto. pic.twitter.com/NG63AmfZ6E
— RC Celta (@RCCelta) 11 de agosto de 2017