O proxecto, redactado polos técnicos municipais, permitirá a renovación das duchas cun novo sistema anti-vandálico, realizando unha nova instalación vista en aceiro inox e instalación de billas misturadoras con temporizador para economizar auga. Realizarase tamén a renovación do alicatado existente con reposición de azulexos danados e novo pavimento cerámico nos almacéns.
Igualmente, cambiaranse as fiestras e portas dos vestiarios instalando unhas novas en aluminio e colocaranse dous extractores de aire con sistema higroscópico para a mellora da ventilación.
De igual xeito, o proxecto contempla a renovación da totalidade da pintura das instalacións coa retirada da pintura existente. O investimento total ascende a case 22.000 euros.