Segundo informou o 112, dúas persoas resultaron feridas, ambas ocupantes do vehículo. O condutor quedou atrapado no interior do camión, mentres que o seu acompañante puido saír polos seus propios medios. O 112 Galicia tivo constancia dos feitos ás 11:30 horas desta mañá.
O camión Iveco circulaba pola OU-531, a estrada que une Celanova con Cortegada, cando sufriu a saída de vía á altura do lugar de Vilavidal, na parroquia de Penosiños, no punto quilométrico 37,900. Os profesionais sanitarios decidiron mobilizar o helicóptero medicalizado con base en Ourense para asistir ás persoas feridas.
Ademais, o persoal do CAE 112 Galicia alertou aos Bombeiros de Celanova, que se desprazaron ao punto cun equipo de excarceración. Os profesionais do 112 Galicia tamén deron conta do acontecido á Garda Civil de Tráfico. A mediodía continuaba en marcha o operativo para liberar ao condutor do interior do vehículo. Xa pola tarde o camión foi retirado coa axuda dunha grúa.