A dirixente provincial finalizou a súa intervención mostrando o seu orgullo polo evento. “Estou moi satisfeita destes catro anos pero si de algo estou orgullosísima e da creación desta escola porque non hai nada polo que mereza máis a pena que traballar para conseguir a igualdade”.
Antes da clausura, ‘Poder e comunicación. A axenda pendente’ foi o relatorio escollido pola xornalista Montserrat Boix, profesional dos informativos da sección internacional de TVE e creadora de ‘Mujeres en Red’, que repasou fitos da historia do feminismo e o papel desenvolvido por feministas que están a confluír na actualidade en movementos como o ‘Me Too’ ou o arxentino ‘Nin unha menos’, no que as profesionais dos medios de comunicación tiveron un papel fundamental.
Neste eido, recordou a figuras como Eleanor Roosevelt, Hansa Metha ou Minerva Bernardino, claves na Declaración dos Dereitos Humanos e que permitiron substituír a palabra “home” por “seres humanos” no artigo “todos os seres humanos nacen libres e iguais”. Todas elas, xunto a referentes como Simone de Beauvoir, Gloria Steiman, Marcela Lagarde ou Browmiller, mulleres clave e ás veces desaparecidas, cuxo poder e cuxas ideas e teorías son as que hoxe conforman movementos como o ‘Me Too’ e outros moitos “que configuran un movemento global no que as xornalistas e o seu poder mediático son elementos clave para o éxito da mobilización”, destacou Boix.
Tamén afondou a xornalista en cuestións “que nos afectan a todas como o teito de cristal, o acceso aos postos de dirección, os salarios, pero tamén as ‘fake news’ que se ceban especialmente nos temas de igualdade”. Ante isto, segundo Boix, hai “ferramentas para ser útiles como pelexar nas propias redaccións, participar en organizacións profesionais de comunicación, no activismo feminista, pero tamén consolidar e recuperar a nosa historia, a historia do feminismo, que estamos como estamos porque mulleres, fai moitos anos e en movementos moito máis difíciles que os actuais, apostaron por pelexar polos nosos dereitos. E esta é a axenda pendente”.
Trala intervención de Boix, deu comezo a conferencia de Desirée Vila sobre ‘Muller deportista, muller loitadora’. Desirée, de tan só 20 anos, un dos exemplos de superación máis admirables, é ximnasta acrobática e atleta internacional paralímpica. A súa intervención, chea de humor, centrouse na súa experiencia persoal como muller deportista de elite e con diversidade funcional, afondando na dobre discriminación de ser muller e de practicar deporte adaptado, nas desigualdades existentes para acadar premios por méritos deportivos, procurar patrocinios ou cobertura mediática.
Vila sinalou que “as mulleres temos menos bolsas, menos recoñecementos e tamén menos repercusión aínda que tiñamos méritos deportivos. Gañei mundiais en non saín nos medios, pero cando tiven o accidente e puxéronme a prótese saín en todos os medios polo morbo”. A deportista tirou do humor para atopar saídas positivas a un drama persoal. “A miña prótese sérveme de filtro anti mozos superficiais. Cando saben dela poden interesarse, obvialo ou darme unhas palmadas e irse. E cando pasa isto último, alégrome de non ter perdido un minuto de máis con quen non paga a pena”.
Pola súa banda, a científica África González pechou as conferencias da xornada con ‘Perseguindo unha meta’. González é médica especialista en inmunoloxía, catedrática na Universidade de Vigo, directora do Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO), presidenta da Sociedade Española de Inmunoloxía e promotora da empresa spin-off NanoImmuno Tech (NIT).
Na súa intervención, a científica afondou na súa propia experiencia como profesional neste ámbito, dende os acontecementos que marcaron a súa vida ata o traballo que desenvolve actualmente, e fixo fincapé na importancia que ten que as rapazas estudien carreiras técnicas. “No campo das STEM hai un problema moi serio porque as mulleres non se están a matricular. Como perdamos ese tren perderemos tamén o futuro”. Dos cinco centros de investigación singular en Galicia catro son dirixidos por homes e só un por unha muller.
Xornada matinal
A xornada matinal rematou coa conferencia ‘A igualdade desde a perspectiva xurídica’ a cargo de Altamira Gonzalo, na que se analizou o papel do dereito no avance cara a igualdade real das mulleres. Gonzalo é avogada e vicepresidenta da asociación de Mulleres Juristas Themis. Tamén foi asesora xurídica da Dirección do Instituto de la Mujer entre 1987 y 1990, vogal do Observatorio Estatal contra a Violencia de Xénero e comparecente no Congreso dos Deputados en materias como o tráfico de mulleres, a Lei para a Igualdade efectiva entre mulleres e homes, a aplicación da Lei Orgánica de protección integral contra a violencia de xénero e na tramitación da Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e da Interrupción Voluntaria do Embarazo.
“Avanzamos moito e eu teño esperanzas no futuro, pero necesitamos unhas leis que non dean lugar a moitas interpretacións e nos sirvan para avanzar de verdade cara a igualdade real”, asegurou Gonzalo. Sen embargo, como punto de partida, argumentou a visión andocéntrica e misóxina do dereito, destacando, entre outras cousas, que a “nosa Constitución Española ten sete pais e ningunha nai” ou o Código Civil que asegura que a dilixencia é “a dun bo pai de familia”. Esa visión andocéntrica tamén se apoia na linguaxe masculina presente en todos os artigos da Constitución Española que unicamente se refire á muller en dous artigos: o relativo ao matrimonio e á sucesión da coroa.
Antes, a consultora legal en Dereito de Asilo e Refuxio en Stop Mare Mortum, Berta Fernández Rosón, abordou o papel que desenvolven as mulleres nas zonas de conflito, ao tempo que identificou os distintos estereotipos que se perpetúan nas políticas internacionais e nos medios.
Igualmente, a presidenta de honra da Asociación Clásicas e Modernas, Laura Freixas, ofreceu a súa conferencia ‘Poderosas… e malvadas?’, na que falou dos diferentes roles que adoitan desenvolver os homes e as mulleres na cultura. A escritora analizou por que fronte a idea de grandes heroes que ostentan o poder, atópanse mulleres poderosas que son ridiculizadas e odiadas a partes iguais.