“Como recoñecemento ás traballadoras e traballadores que fixeron posible a celebración deste 30 aniversario. Na súa honra plantamos 30 carballos, símbolo de vida e esperanza”.
Este é o texto da placa conmemorativa que hoxe descubriuse no Hospital Meixoeiro antes de proceder á plantación de 30 carballos, doados pola Consellería de Medio Rural, e plantados por representantes das principais categorías profesionais do Meixoeiro e outros colectivos como sindicatos, persoal xubilado e asociacións de pacientes. Neste evento participaron os conselleiros de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña; o de Medio Rural, José González, e o xerente da Área sanitaria de Vigo, Julio Garcia Comesaña.
Remata así o programa de actos celebrados nos últimos meses baixo o lema “30 anos coidando da túa saúde, 30 anos coidando de ti”, para conmemorar este aniversario, entre os que cabe subliñar a exposición “A Vida do Hospital”, que recolle os principais fitos da historia do Meixoeiro, e una mostra artística dos profesionais da sanidade pública da área sanitaria de Vigo.
O Hospital do Meixoeiro abriu as súas portas o 30 de novembro de 1989 con 68 camas e 2 quirófanos. Os primeiros tres pacientes ingresaron o 11 de decembro. Foron operados nos seguintes días polo xinecólogo Ángel de la Orden e o urólogo Juan Mata. Desde xaneiro de 1990, incorporáronse os distintos servizos e especialidades clínicas. En novembro dese mesmo ano abriu o Servizo de Urxencias.
Un ano despois da súa apertura, o 31 de decembro de 1990, produciuse un feito histórico para a sanidade galega, co traspaso das transferencias do Insalud á Comunidade autónoma de Galicia.
Foi tamén o primeiro hospital en dotar ás habitacións con televisión e teléfono, en ter un servizo de azafatas e pioneiro na introdución das novas tecnoloxías acadando unha completa informatización.
Neste tempo, no Meixoeiro ingresaron 332.000 pacientes, realizáronse 315.000 intervencións, e atendéronse 7,5 millóns de consultas e 1,3 millóns de urxencias.