A empresa adxudicataria é Acciona Construcción, que ten un prazo de execución de 18 meses. O obxecto deste proxecto é mellorar a eficiencia enerxética do edificio de acordo coa normativa estatal e europea vixente; controlar o consumo; posibilitar a introdución de enerxías renovables e edificios sostibles, e contribuír á difusión dunha cultura responsable co coidado do medio ambiente.
Segundo sostén o Sergas, ademais de mellorar a comodidade dos pacientes e traballadores, o aforro de enerxía “tamén é unha prioridade tanto pola necesidade de reducir custes na explotación dos centros, como por minimizar a carga enerxética e contribuír así á conservación do medio ambiente”.
A día de hoxe, o sistema de climatización do Meixoeiro (refrixeración, central calor, e distribución de aire) supón un 53% do consumo eléctrico do hospital, e a iluminación un 21%. A maiores, estarían os equipos como ascensores, grupos de presión, e equipamentos de tecnoloxía médica.
Eficiencia
O Sergas realizou un estudo para mellorar o illamento térmico do edificio con uso hospitalario, e concluíu a necesidade de reformar as cubertas, fachadas e ocos actuais mediante o cambio dos elementos que as conforman, así como a incorporación de materiais illantes que provoquen unha menor demanda do sistema de climatización do edificio, e a eliminación de problemas de humidades actuais.
Coa substitución de carpinterías e vidros, a instalación dun sistema de illamento térmico da envolvente e a mellora de iluminación, a cualificación enerxética do hospital mellorará substancialmente ao reducirse nun 24% as emisións de gases á atmosfera.
En conclusión, con esta actuación, o hospital ofrecerá mellores condicións de confort nas súas instalacións para pacientes e traballadores; reducirá de xeito importante o consumo de calefacción, refrixeración e as emisión de CO2, e acadará un importante aforro económico ao ano.