Nove meses e moitas denuncias despois o Sergas decidiu cambiar o servizo de cociña do Álvaro Cunqueiro. A empresa Serunión, concesionaria dende que o pasado mes de agosto abriu o novo centro médico, será sustituida pola empresa Arcasa.
O Servizo Galego de Saúde anunciou este venres que adoptou a decisión de «mellorar o servizo de Restauración do Álvaro Cunqueiro, e cambiar á empresa encargada de ofertar estas prestacións». Así, a partires do 1 de xullo entrará en servizo unha nova empresa, Arcasa, responsable da restauración nos tres hospitais do Chuvi.
Segundo informou a Xunta mediante un comunicado, o novo provedor subrogará a todo o persoal que viña traballando nesta área. «A pesar das medidas implementadas nos últimos tempos, que melloraron a comida servida aos pacientes hospitalizados, a administración sanitaria entende que o servizo actual aínda non acada os altos estándares que o entorno hospitalario require manter na alimentación», afirma o Sergas.
O xerente da EOXI de Vigo, Félix Rubial, explicou que “temos esperado un tempo prudencial para adoptar esta decisión xa que entendiamos que era complicado a posta en marcha do servizo de cociña dun novo hospital desta magnitude, o que requiría o seu tempo de adaptación. Sen embargo, a pesares de que se introduciron medidas de mellora, seguimos constatando que aínda existe un amplo marxe de progreso”.
Este xoves tivo lugar unha xuntanza entre a dirección da EOXI de Vigo, a nova empresa contratada, o servizo de Endocrinoloxía e Nutrición e o servizo de de Dietética para concretar ás necesidades no ámbito da restauración.
Xuntanza da dirección da EOXI de Vigo cos directivos da nova empresa de restauración, o servizo de Endocrinoloxía e Nutrición e o servizo de Dietética do Chuvi.
«A nova empresa contratada, Arcasa, con máis de 20 anos de experiencia no sector da alimentación, realiza o 75 por cento da súa actividade en centros sanitarios. Entre eles, cabe subliñar o Hospital Vall d,Hebrón; Santa Creu i Sant Pau; Hospital Universitario Germans Trias; o Hospital Universitario Joan XXIII; San Juan de Dios, etcétera, realizando máis de 4.800 menús diarios», engade o Sergas.
A Cociña do Álvaro Cunqueiro ten unha superficie de 1620 m2 e unha capacidade de producción media de 489.000 menús ao ano. O Sergas enmarca o cambio dentro dun Plan de Mellora e Escoita Activa dos pacientes. «Este plan pretende mellorar á atención ás persoas que acoden ó Hospital a través da optimización dos recursos non sanitarios, xa que a atención médica ten os seus propios protocolos e controis de calidade», apunta.
Artigos relacionados:
«Si ya tiene ese aspecto, no te puedes imaginar el sabor»