Os rapaces, procedentes de Castela e León, participaban no campamento de baloncesto Vilagarcía Basket Cup. Teñen entre 12 e 17 anos. Todos eles están aloxados nun hotel da rúa Caleiro da localidade. Ás 9:00 horas, un particular explicou ao 112 Galicia que a maioría dos menores e algún dos seus responsables se sentían indispostos. O persoal do CAE 112 Galicia alertou da situación a Urxencias Médicas.
Dous médicos atenderon no lugar a todos os afectados. Todo apunta a que poderían ter gastroenterite. Segundo informou Televisión de Galicia, 80 dos rapaces están en estado leve e os outros 26 con tratamento, dos que dous, dous rapaces de 15 e 16 anos, foron trasladados ó Hospital do Salnés.
O 112 Galicia informou ao GIPCE, o Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias, aínda que ninguén precisou asistencia psicolóxica. O 112 Galicia tamén deu conta dos feitos á Policía Autonómica, Protección Civil e á Policía Local.