Cun importe de 35,6 millóns e oito anos e medio de contrato -o que se extingue este mes data de 1993-, a administración local encarga a xestión da sala de tráfico, da rede semafórica e do mantemento dos túneles da cidade, ademais do sistema de acceso de vehículos ao Casco Vello, e das cámaras e sensores ‘bluetooth’ dispostos pola urbe.
O goberno de Vigo encamiñou as bases do contrato a facer da urbe unha cidade intelixente, esixindo da concesionaria que poña en marcha a rede que permita a integración dos coches intelixentes, cun sistema de comunicación entre vehículos e infraestruturas. Así, a modo de exemplo, será posible que os semáforos se abran á chegada de vehículos de emerxencias.
Ademais, o concurso público municipal require da empresa un sistema de medición de fluxos de peóns e ciclistas na cidade, sensores que se iluminen ao detectar a chegada de persoas aos pasos de peóns ou a instalación de avisadores acústicos para invidentes en todos os novos semáforos que se instalen en Vigo, que se poderán activar desde o teléfono móbil.