As vivendas adxudicadas emprázanse en Vigo e Marín e foron cedidas ao Instituto Galego da Vivenda e Solo por Sareb e Abanca para destinalas ao alugueiro social. A última das vivendas adxudicouse en Marín ao non dispoñer o IGVS de máis vivendas en Vigo.
Con estas adxudicacións a Xunta de Galicia continúa ofrecendo unha alternativa a todos os afectados que o solicitan e cumpren os requisitos establecidos. No que vai de 2017 xa se realoxou a 14 familias en vivendas propiedade do IGVS (5 casos) ou cedidas por Abanca e Sareb. A estas familias hai que sumar as beneficiadas polo Bono de Alugueiro Social e outras medidas adoptadas pola administración autonómica.
Ao abeiro das 12 medidas adoptadas pola Xunta fronte aos desafiuzamentos e en defensa do dereito á vivenda xa foron atendidos máis de 1.150 casos en toda Galicia.
Mondariz
Ademias, tamén adxudicou directamente unha vivenda cedida pola Abanca en réxime de alugueiro a unha familia en risco de exclusión social, na localidade pontevedresa de Mondariz.
A Comisión Provincial de Vivenda estudou o caso e propuxo a adxudicación directa desta vivenda, tal e como permite o artigo 48 do Decreto 253/2007, que destaca que, en situacións de risco como a citada, é posible realizar este tipo de cesións.
O Goberno galego avanza así no cumprimento do Plan rehaVita, que está a reforzar as medidas destinadas a garantir un fogar as familias máis desfavorecidas.
Estas solucións non só se dirixen a aquelas persoas que sofren problemas de índole social, senón que tamén se ofrece colaboración a outros que non poden afrontar o pago do alugueiro ou hipoteca da súa vivenda.
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda lembra que segue a dar resposta a todas as familias que solicitan axuda. Neste sentido, no último ano multiplicáronse os esforzos para achegar solucións ás persoas en situación de risco, mediante novos programas de axuda como o Bono de Alugueiro social ou os convenios con entidades financeiras.