Este curso ten como obxectivo actualizar os coñecementos e propoñer estratexias de mellora para coidar coa máxima evidencia ao paciente sometido a TPH, así como afondar no coñecemento de novas técnicas e os coidados que requiren.
Así, no programa desenvolvido, abordáronse, entre outros, os seguintes temas: os coidados da enfermaría en complicacións do TPH, as recomendacións dietéticas e nutricionais, o programa de actividade física ou o apoia psicolóxicos do paciente e familia.
A unidade de Transplante de Proxenitores Hematopoiéticos do Servizo de Hematoloxía do Chuvi está acreditada polo Grupo Español de Transplante Hematopoiético para todas as modalidades de TPH en idade adulta: autólogo, aloxénicos -de doador emparentado e non emparentado-, de proxenitores de sangue de cordón umbilical, e Infusión de linfocitos de doador.
“Hai que subliñar– asegura Román- que o servizo de Hematoloxía do Álvaro Cunqueiro realiza todo o proceso de transplante, dende a extracción dos proxenitores, a súa conxelación e conservación, e a posterior infusión ao paciente”.
Os transplantes autólogos son aqueles nos que poden utilizarse tanto a medula ósea como as células nai que circulan polo sangue do propio paciente. Unha vez extraídas e tratadas con medicación, vólvense a infundir ao paciente.
O transplante aloxénico emparentado é aquel no que non se poden usar as células propias do paciente e hai que buscar un doador, dentro da familia, que sexa compatible. O transplante aloxénico non emparentado é no que non poden utilizarse as células propias do paciente e tampouco hai un doador compatible dentro da familia.
Leucemia aguda, linfoma e mieloma múltiple son as principais enfermidades que poden beneficiarse dun transplante de medula. No pasado ano 2017, no HAC realizáronse 51 TPH: 26 autólogos, 13 aloxénicos de doador emparentado e 12 alóxenicos de doador non emparentado.
Programa de exercicio físico
Un dos temas desenvoltos nesta xornada foi o da importancia do exercicio físico para estes pacientes. Precisamente, o servizo de Hematoloxía do CHUVI ven de por en marcha, en colaboración co servizo de Rehabilitación, un programa de capacitación física en pacientes sometidos a transplante de proxenitores hematopoxéticos.
Para isto, todas as habitacións de pacientes illados dotáronse cunha bicicleta estática así como con steps, pelotas, mancornas e cintas elásticas. Tamén nos espazos comúns disponse de bicicleta e dunha cinta de correr.
Existe unha redución moi significativa das capacidades funcionais e físicas nos pacientes sometidos a TPH, tanto pola inactividade e inmovilidade pre e postrasplante, xa que son pacientes con estancias hospitalarias de entre 4 e 5 semanas; así como polo efecto directo do propio transplante e as consecuencias adversas de moitas das medicacións utilizadas ao longo do proceso. A recuperación da capacidade funcional é, polo tanto, un obxectivo terapéutico primordial para estes pacientes.
O exercicio é unha terapia non farmacolóxica coadxuvante, para combater os efectos tanto fisiolóxicos como psicolóxicos do deterioro físico tralo TPH. Polo tanto os especialistas consideran esencial o papel positivo do exercicio durante e despois do transplante, que ten demostrado un efecto beneficioso en canto á capacidade aeróbica, forza muscular, actividade física, percepción do estado físico e emocional, función inmunolóxica, fatiga e mellora da calidade de vida.