O colexio presentou a súa obra, un Globo Aerostático, realizada por un cento de nenos e nenas de 3º e 4º da ESO, co obxecto de dar a coñecer e promover a doazón de órganos e transplantes. Baixo o lema, ‘Compárteos e déixaos voar’, a obra estará exposta na área de consultas externas de Pediatría do Álvaro Cunquerio.
Neste evento tiveron especial protagonismo un grupo de 40 alumnos e alumnas participantes no proxecto, de entre 14 e 16 anos, xunto co director do centro, Javier Ojea Cendón, e as coordinadoras do proxecto, Cristina Díaz e Ana Pousa. Tamén asistiron o xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Cesar Pérez Ares; o xerente da EOXI de Vigo, Félix Rubial; o coordinador de transplantes do Chuvi, o doutor Lucas Lage; o presidente de Adrovi, Celso García; e o de Alcer, Eugenio Sánchez.
‘Photocall’ e actuación
O globo, realizado en madeira, mide de 230 centímetros de altura e esta deseñado como un ‘photocall’ para que os nenos máis cativos poidan realizarse unha fotografía e levarse un recordo ao tempo que se van concienciando sobre a importancia de compartir vida. Unha das coordinadoras do proxecto, Cristina Díaz, explica que “este globo simboliza os sonos e proxectos vitais das persoas receptoras. O seu ascenso representa o camiño da súa vida, que grazas as doazóns de órganos este camiño non se ve truncado e poden seguir desfrutando dunha vida digna”.
No transcurso da inauguración, o xerente Félix Rubial tivo palabras de agradecemento tanto para as asociacións que traballan neste eido como para o Colexio Montesol “xa que é o terceiro ano que colaboran co hospital na promoción deste tema, e que o converte no centro educativo nacional que lidera a promoción da doazón de órganos”.
Pola súa banda, o director do centro educativo, Javier Ojea, e dous representantes dos alumnos, Laura Vilanova Pedro Hernández, de 3º e 4º da ESO, respectivamente, expresaron o seu agradecemento ás institucións colaboradoras e ao Hospital Álvaro Cunqueiro pola súa receptividade e apoio ao abrir as súas portas a este proxecto.
E para rematar, o acto finalizou coa colaboración desinteresada do grupo Abmiram Quartet, que sorprendeu aos nenos e nenas cunha actuación chea de sorpresas.