Este xoves, 17 de xullo, ás 20:00 horas, o festival Máis Alto que o Ceo acolle a súa quinta e penúltima sesión cunha proposta poética orixinal, participativa e divertida: “Vendo a miña alma: poxa de poetas”, un recital fóra do común que convida o público a gozar e tamén a xogar.
Coma sempre, en verán, a actividade –con entrada de balde– celebrarase na praciña exterior do local, a Praza do Abanico, no Casco Vello Alto de Vigo, sempre que o tempo acompañe.
Nesta ocasión a sesión contará coas voces de tres poetas galegos/as de gran traxectoria: Elvira Jardón, Suso Bahamonde e Patricia Meira, que compartirán algúns dos seus últimos textos.
Pero este non será un recital ao uso: a dinámica será conducida pola tamén poeta María Lado, que animará unha peculiar poxa poética na que as persoas asistentes poderán «mercar», con diñeiro simulado, as “almas” das poetas participantes.
Esas «almas» son, en realidade, pezas artísticas orixinais creadas por Suso Bahamonde e Elvira Jardón para a ocasión, e sairán á poxa nun ambiente festivo, teatral e lúdico.
Un evento para rir, emocionarse, reflexionar e participar. Porque a poesía tamén pode ser un xogo.
Esta poxa de poetas é unha idea orixinal de María Lado, creada para o colectivo Poetas da Hostia con quen se puxo en escena en varias ocasións.
Poetas da Hostia foi unha xuntanza informal de poetas de diversas procedencias do país, co obxectivo de levar a poesía a diferentes escenarios da cidade de Vigo e outras de Galicia en forma de xogo. Aínda que pasaron por el moitas persoas, o grupo estable e organizativo estaba formado por Ledicia Costas, Daniel Landesa e María Lado.
Vendo a miña alma: poxa de poetas
- Día: 17 de xullo
- Hora: 20:00 horas
- Lugar: Local da asociación Évame Oroza (Subida á Costa, 5 – Praza do
- Abanico – Casco Vello Alto de Vigo