A través dun comunicado, a plataforma puxo de manifesto as «limitacións» que, ao seu xuizo, ten dito plan que, remarcaron, consiste na habilitación duns fondos públicos para fomentar o alugueiro ata os 300 euros de renta. Estes fondos estarían pensados para ofertar garantías a posibles arrendadores ante posibles impagos por insolvencia ou desperfectos.
«Isto, aínda que supoña un avance en cuestións de vivenda social, non permitirá que persoas sen ingresos e en situación de emerxencia severa (desafiuzados, refuxiados, vítimas de violencia de xénero…) poidan atopar unha solución temporal, polo que consideramos que, con todo, o Concello tamén necesita dotarse de ferramentas propias para atender a esta situación, circunstancia pola que as Marchas vimos traballando dende fai meses», sinala o comunicado da plataforma.
Na súa nota, a plataforma indica que «traballa para que o Concello xestione como propias o uso de vivendas e infraestruturas públicas ou privadas desocupadas e sexan destinadas a vivenda social con alquileres establecidos por la administración local e acordes ás situacións puntuais de cada familia».
Con tal fin, engade, dende as Marchas foron convocadas as forzas políticas redondelás a dúas xuntanzas para transmitirlles esta proposta e nesta liña se está a elaborar unha moción para presentar ao pleno da corporación municipal. «Dende as Marchas consideramos necesaria esta ferramenta propia para que as vivendas sen uso se destinen a garantir o dereito á vivenda, polo que, sen negar os avances do programa de vivendas baleiras, seguiremos loitando por unha bolsa municipal de vivenda».