Así se recolle no convenio asinado entre a titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, e o alcalde da localidade, Javier Bas.
Os traballos consistirán, fundamentalmente, na creación dunha beirarrúa perimetral que permita o acceso ao pavillón cumprindo as condicións da normativa de supresión de barreiras arquitectónicas. Para conseguilo, crearanse dúas ramplas para facilitar a accesibilidade desde a parcela contigua de aparcamento. Tamén se repararán as beirarrúas e calzada que existía anteriormente ao pavillón, favorecendo así o tránsito ás persoas con mobilidade reducida.
Ao mesmo tempo, efectuaranse diversas melloras na rede de alumeado público, modificando a posición de postes fóra da beirarrúa, de xeito que se amplíe o espazo destinado aos peóns.
Plan Hurbe
Esta actuación inscríbese no Plan Hurbe, posto en marcha en 2010 polo Goberno galego e que ten un triplo obxectivo: fomentar a humanización das vilas; favorecer a cooperación da administración autonómica e os concellos; e promover o reequilibrio territorial en Galicia. Para conseguilo, o Plan Hurbe inclúe tres programas de actuación: humanización das rúas, urbanización e mellora de espazos públicos; e equipamentos públicos, referidos especialmente aos de carácter cultural e social.
Ao abeiro do Plan Hurbe, téñense executado 105 actuacións, cun investimento total de 112 millóns de euros. Para este ano, o investimento para toda Galicia ascende a uns 11 millóns de euros: 6 millóns previstos nos orzamentos, máis unha ampliación de 5 millóns grazas ao orzamento recibido polo cumprimento da comunidade autónoma co déficit.