O Instituto de Estudos Vigueses vén de publicar “Vigo na liña do tempo. Cronoloxía, efemérides e bibliografía”, de Manuel Bragado. Unha grande contribución e un grande acerto.
Trátase dunha pormenorizada enumeración cronolóxica de acontecementos na historia da cidade olívica, desmitificando o tópico de que Vigo só ten historia recente. Segundo o autor, a obra ten unha finalidade didáctica que vai fundamentalmente dirixida ao corpo docente de Primaria e Secundaria; porén, o interesantísimo contido, que tamén vai na compaña de fotografías e ilustracións, penso que resulta de interese para calquera persoa que queira afondar nas vivencias e no entorno daqueles que nos precederon no tempo.
O libro de Bragado é unha obra densa e, ao mesmo tempo, amena, que segue unha liña paralela á obra do que foi cronista da cidade, Xosé María Álvarez Blázquez, titulada “La ciudad y los días”, que foi reeditada de xeito facsimilar polo Concello de Vigo no ano 1986, con prólogo de Francisco Fernández del Riego. Anos máis tarde, foi de novo reeditada, tamén polo Concello de Vigo en colaboración coa Editorial Xerais, logo da súa tradución ao galego realizada por Manuel Bragado e Xosé Pablo Sánchez Mato.
Álvarez Blázquez relata os aconteceres da historia da cidade segundo cada día do ano, comezando no 60 a. de C. e rematando no 1934, falando dos tesouros de Rande. Bragado, pola súa banda, vai máis alá: comeza a súa cronoloxía no Paleolítico e continúa polo Mesolítico e o Neolítico, achegando sucesivamente datos fundamentais que deixan claro que Vigo é unha cidade con moita máis historia da que se pensa.
O libro de Bragado súmase a unha interesante colección de obras entre as que se atopa o devandito libro de Álvarez Blázquez, os libros editados no seu día pola Caja de Ahorros Municipal de Vigo, o histórico e importantísimo libro “Vigo, su ría y alrededores”, de Taboada Leal, e moitos outros que deberían ser reeditados para achegalos á cidadanía.
O faraónico traballo bibliográfico e documental de Bragado constitúe unha obra indispensable para Vigo. Ademais, demostra que a cidade necesita con urxencia un cronista oficial que estea á altura. É un nomeamento que non debería demorarse máis nin estar suxeito a tempos de espera ao servizo de intereses políticos ou persoais. Na miña opinión, e tamén na de moitas viguesas e vigueses, existen tres persoas axeitadas polos seus propios méritos para ese posto de cronista oficial da cidade de Vigo: Eduardo Rolland, Antonio Giráldez Lomba e Manuel Bragado.