A Área Sanitaria de Vigo e a Fundación Mayeusis asinaron este venres un protocolo de colaboración para achegar a música aos pacientes e aos seus coidadores como medio para mellorar o seu estado anímico e de saúde. A colaboración ten por obxecto incrementar as iniciativas de humanización que leva a cabo nos últimos anos o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi).
As dúas partes valoran a música como un medio de axuda para a mellora dos pacientes, mediante a posta en marcha dun espazo de colaboración a través da linguaxe musical como ferramenta. A música en directo, a musicoterapia nas súas distintas manifestacións e a investigación serán os eixos fundamentais da iniciativa.
O acordo abarcará de forma inclusiva aos pacientes, ás súas familias, aos traballadores, aos profesionais e a todas as persoas ou entidades que se relacionan coa vida cotiá da Área Sanitaria de Vigo.
A Fundación encargarase da programación dos distintos eventos musicais e a Área Sanitaria achegará as instalacións e recursos convenientes para a celebración de cada un dos eventos. Recentemente un dos coros infantís composto por alumnos da Fundación Mayeusis actuou en distintas áreas do Álvaro Cunqueiro, cun éxito notable
Trinta anos de actividades
A Fundación Mayeusis naceu hai 30 anos coa misión de estar á beira das persoas, colectivos e sociedade en xeral no descubrimento da súa identidade coa música.
A tal fin promove proxectos educativos e de formación, á vez que colabora en actividades a favor da música e a arte. Unha das súas principais actividades é a de fomentar o espírito solidario colectivo e social á través da experiencia musical.
Estes obxectivos conflúen directamente coa finalidade do protocolo de colaboración que vén de asinarse. No acto da firma, que se desenvolveu no edificio do Tinglado, estiveron presentes o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Julio García Comesaña, o director da Fundación Mayeusis, Lucas Alonso, e a delegada da Xunta de Galicia na cidade, Corina Porro.