O concelleiro do Bloque en Vigo, Xabier P. Igrexas, demanda tamén que o executivo de Abel Caballero informe de cal foi a posición dos representantes municipais no consello de administración da Autoridade Portuaria a respeito deste proxecto.
O novo aterramento executaríase no pantalán número dous da dársena de Bouzas, nas inmediacións do Berbés e tería por obxecto ampliar a lonxa. “No BNG temos unha posición clara e firme: o tempo dos recheos rematou”, enfatizou Igrexas.
O edil nacionalista criticou que ese recheo para alén do “evidente efecto ambiental” terá tamén efectos negativos a nivel paisaxístico e dificultará a integración urbana da faixa litoral no Berbés, “unha tarefa que sigue pendente”. Igrexas advertiu de que a ampliación da lonxa nesa localización suporá acabar coas vistas privilexiadas que ten a cristaleira do hall do Auditorio Mar de Vigo.
Desde a fronte nacionalista denuncian a “irracionalidade” da Autoridade Portuaria presidida por López Veiga, que “teima na aberración de seguir gañando metros ao mar cementando a nosa Ría”, malia non dispor nin dunha Delimitación de Usos e Espazos Portuarios nin dun Plan Especial. Lembran que a cidade xa ocupa arredor de 3 millóns de metros cadrados do seu litoral.