A Xunta informou de que no transcurso da reunión, á que asistiu o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, acompañado polo equipo directivo do Sergas, os representantes de Povisa e de Ribera Salud «confirmáronlle que as negociacións entre ambos atópanse xa moi avanzadas».
Pola súa banda, o Sergas engade que lles trasladou o seu posicionamento ao respecto, para que, «en caso de que as negociacións frutifiquen cun cambio de titularidade na propiedade do centro hospitalario, se garantan tanto a calidade asistencial na área sanitaria como o mantemento dos postos de traballo, tal e como se recolle nos acordos do Sergas cos actuais propietarios».
Neste sentido, a Xunta apunta que ambas as dúas partes empresariais «amosaron a súa disposición a manter unha canle de información permanente co Sergas sobre o desenvolvemento das negociacións que están iniciadas». O último concerto do Sergas con Povisa para a prestación de servizos asistenciais médico hospitalarios asinouse o 1 de setembro e ten unha duración prevista de oito anos ata o 31 de agosto de 2022.
Marea de Vigo: «Era un feito anunciado»
Pola súa banda, Marea de Vigo-Son En Común sinalou este luns que o anuncio compra de Povisa polo grupo Ribera salud era un «feito anunciado, xa que todos os movementos do grupo Nosa Terra 21 eran sospeitosamente tendentes a desfacerse do complexo hospitalario; dende o anuncio do preconcurso voluntario de acredores co argumento de que se arrastraban perdas dende 2014 polo insuficiente dos ingresos polo concerto co Sergas ate a tentativa de aforrar permanentemente custes de personal para mellorar resultados contables ante un posible comprador».
Marea de Vigo-Son En Común trasladou este luns á deputada Eva Solla, voceira de sanidade do Grupo Parlamentario Común da Esquerda, a «necesidade de solicitar no Parlamento Galego unha auditoría a fondo do concerto» do Sergas con Povisa e explicou que «o concerto que é absolutamente singular no estado español e que dende hai moitos anos é un instrumento totalmente vantaxoso para o centro hospitalario privado ao condicionar, entre outras cousas, o non desenvolver un centro hospitalario no Morrazo ou a apertura das plantas ociosas no Meixoeiro».