O cartel de Vigo Emerxe inclúe nomes de artistas e bandas locais emerxentes e outros referentes dentro da escena cultural e musical da cidade como The Soul Jacket, Maryland, Basanta, BFlecha, r. e. a. l., Kaixo, Laura Iturralde, Juanma Lodo, BabyKatze ou Santi Araújo. A nómina de participantes complétase cos nomes doutros músicos da cidade cunha ampla traxectoria como Pablo Novoa, exmembro da histórica banda Golpes Bajos, ou Nico Pastoriza, protagonista tamén da escena musical da cidade nos anos 80 dentro do grupo Bromea o qué?.
Todos eles protagonizarán preto de seis horas de música que arrancarán ás 18.00 horas en dous escenarios do Museo do Mar, un situado no exterior, na zona do aparcamento, e outro no interior do inmoble, na sala de exposicións temporais. As actuacións rematarán ao fío da madrugada e a entrada será de balde ata completar aforo sen necesidade de realizar reserva previa.
O titular de Cultura e Turismo subliñou que este evento demostra o compromiso do Goberno galego “coa escena musica e cultural viguesa”, facendo especial fincapé na promoción dos artistas e bandas emerxentes. Explicou que este proxecto busca “dar a coñecer aínda máis aos artistas e grupos locais”, ao tempo que se completa a oferta cultural da cidade cun gran concerto que terá como escenario “o marco incomparable” do Museo do Mar de Galicia.
Éxito de ‘Solpores do Museo’
Vigo Emerxe toma o relevo de Solpores do Museo, o ciclo de concertos impulsado pola Xunta durante os meses de xullo e agosto neste mesmo emprazamento que reuniu a artistas e bandas de renome a nivel nacional como Zenet ou Soleá Morente xunto con artistas vigueses como Amaro Ferreiro ou Presumido.
Román Rodríguez lembrou a “boa acollida” deste evento que esgotou “nunhas horas” as invitacións para os seis concertos que conformaron este ciclo.