A intervención consiste en implantar uns eléctrodos no espazo epidural, preto da medula espiñal do paciente que, a través dun xerador, producen un estímulo eléctrico que modula o sinal de dor impedindo que chegue ao cerebro.
A gran vantaxe desta nova tecnoloxía médica é a capacidade de subministrar diferentes tipos de terapia de maneira simultánea ou secuencial nun ou varios puntos de estimulación. Ademais, o paciente ten a posibilidade de enviar as súas observacións de forma inmediata grazas ao mando a distancia que vai incluído no sistema, co que se consegue definir de maneira personalizada e moi precisa a forma de estimulación, minimizando efectos adversos, permitindo adaptar o tratamento a cada paciente e reducindo o número de consultas, segundo informou o Servizo Galego de Saúde nun comunicado.
Esta tecnoloxía está pensada para mellorar a calidade de vida do paciente mediante o alivio da dor, unha enfermidade que sofre, aproximadamente o 17% dos españois, e que afecta severamente á súa esfera emocional, familiar e laboral. España é o país co índice máis alto de depresión (29%) debido á dor crónica e o 22% dos pacientes que o padece perde o seu traballo. Os doutores María Vieito e Alfonso Carregal, da Unidade da Dor do servizo de Anestesioloxía e Reanimación, foron os encargados de levar a cabo dita intervención no hospital Meixoeiro.
“O impacto da dor crónica na calidade de vida de quen o sofre pode ser devastador. Non só pode causar unha discapacidade importante, senón tamén aumentar o risco de trastornos psicolóxicos como depresión ou ansiedade. Moitos afectados perden a capacidade de durmir, traballar e funcionar con normalidade», afirma o doutor Alfonso Carregal.
“Este neuroestimulador, sen dúbida supoñerá un alto beneficio para os afectados con dor crónica, xa que tanto a nós como aos pacientes facilítanos centrarnos especificamente nunha zona dolorosa, ou en varias, cun ou con ambos tipos de terapia, a fin de adecuarnos ás necesidades de cada persoa”, conclúe Carregal.
Con este sistema o tratamento da dor crónica ten unha maior eficacia, con capacidade mesmo de reducir a dor ata un 100% en determinados pacientes.