Nelas realizaranse unha serie de obradoiros orientados a sensibilizar á cidadanía sobre a necesidade de previr a asma e de mantela baixo control naqueles casos xa diagnosticados.
A poboación en xeral que acuda á zona de consultas de Alergoloxía poderá tamén recibir consellos ou pasar consulta cos especialistas.
Posteriormente, sobre as 13.00 horas, haberá unha charla-coloquio para dar a coñecer máis detalles desta patoloxía e resolver as dúbidas que tanto pacientes como acompañantes ou cidadáns en xeral expoñan aos propios facultativos ou ao persoal de enfermaría.
Campaña Nacional
O Día Mundial da Asma foi o pasado martes, pero os actos de concienciación cidadá pospuxéronse ata o venres. O Chuvi súmase así un ano máis á celebración auspiciada pola Global Initiative for Asthma (GINA) e participa na campaña que organiza a nivel nacional a Fundación AstraZeneca, que está avalada pola Federación Española de Asociacións de Pacientes Alérxicos e con Enfermidades Respiratorias (FENAER).
“O lema deste ano é ‘STOP á asma’ e con el preténdese insistir nas claves de como se pode controlar esta enfermidade respiratoria alérxica ata nun 80% dos casos”, explica a alergóloga do Chuvi, Mónica Fernández.
O acrónimo “STOP” pretende axuntar catro desas claves: Síntomas, que hai que avaliar; Testar a resposta á medicación; Observar e asesorar ao paciente; e Proceder a axustar o tratamento se fose necesario.
O obxectivo da campaña á que se suma o Chuvi é concienciar á poboación das cargas que supón a enfermidade a quen a padece e da posibilidade de tela baixo control, levando unha vida saudable sen limitacións.
“A pesar de que cos tratamentos dispoñibles na actualidade a maior parte dos pacientes poderían estar controlados e facer vida normal, hai factores como a falta de diagnóstico ou de adhesión á medicación que o impiden. A consecuencia é que miles de pacientes asmáticos están mal controlados”, subliña a doutora Fernández. Ao redor do 53% dos pacientes con asma non están controlados.
Enfermidade cada vez máis frecuente
Segundo os datos do servizo de Alergoloxía do Chuvi, a asma é unha enfermidade crónica cada vez máis frecuente. Calcúlase que a padece o 5% da poboación adulta e o 10% dos nenos e adolescentes.
Os especialistas consideran que ata 8 de cada 10 casos de asma son de orixe alérxica. A asma supón o segundo motivo de consulta entre os pacientes que acoden por primeira vez ao alergólogo, ao redor dun 23% dos pacientes vistos por estes especialistas.