“Hai un gran problema de mobilidade en todo o Concello, no que tamén xoga un papel importante o transporte público como alternativa ao uso do vehículo particular. O que se vive na cidade de Vigo –engade- é froito dunha improvisación por non ter feito planificación algunha. Nin se poden tomar medidas de costas ás persoas residentes nin sen contar co estacionamento regulado (XER)”.
Nesta liña, Jácome concretou unha serie de propostas da Marea de Vigo con respecto á mellora do estacionamento, nas que se conteñen ampliacións de estacionamento regulado por exemplo na rúa Cachamuíña ou rúa Pracer. Para a rúa de Poboadores, Marea de Vigo propón habilitar unha zona só para persoas residentes, do mesmo xeito que, en todas as zonas posibles da cidade, e tal e como figura nos pregos da XER, pide a creación dunha zona verde para residentes, ampliando a posibilidade de estacionar, tamén como residentes, ás persoas que, como no caso da contorna da Praza de Compostela, ineludiblemente teñen que desprazarse ata as zonas máis próximas onde xa existe zona azul hoxe en día e non teñen dereito á tarifa de residentes.
Pola súa banda, Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal, expresou a postura da Marea de Vigo con respecto ao incumprimento da regra do teito de gasto por parte do Concello de Vigo, afirmando que “se fora noutras circunstancias, felicitaríamos ao Goberno de Abel Caballero, xa que reiteramos que esa regra de teito de gasto supón unha faixa inasumible para os concellos, e vén das políticas herdadas desa modificación constitucional do artigo 135, que primou o pago da débeda antes de poder usar os recursos públicos para investimentos. Mais nesta ocasión, este Concello vai incumprir a regra do teito de gasto para rescatar ese cadáver que se chama Auditorio Mar de Vigo, moi lonxe do gasto social que precisa esta cidade”.
“Discrepamos rotundamente do comunicado que saíu da Concellería de Facenda de Vigo –engadiu o voceiro do Grupo Municipal- no que asumían que era un tema menor. Non o é en absoluto, xa que imos soterrar millóns de euros de cartos públicos tras unha nefasta xestión da que hai responsabilidades políticas”.
Rubén Pérez lembrou ao alcalde que “xa non está Montoro nin o PP no Goberno do Estado, xa é hora de resolver os problemas que causa o teito de gasto para poder facer investimentos sociais nos concellos, tal e como ademais asumiu defender Abel Caballero cando colleu a presidencia da FEMP e semella non querer facer”.