“Feijóo insulta á provincia e a súa veciñanza ao intentar desprestixiar á Deputación de Pontevedra, un referente en transparencia, igualdade, participación e democracia”, asegurou o máximo dirixente socialista, “e que presta servizos e axuda a 61 concellos”. “Isto non vai dunha confrontación entre administracións, como defende o presidente da Xunta”, continuou Regades, “senón de respecto ás formas e á convivencia”.
O secretario xeral denunciou que Feijóo faga estas declaracións “un día antes de celebrar o 40 aniversario da Constitución, 40 anos de democracia, convivencia e desenvolvemento, un texto que foi redactado por persoas que se situaban nas antípodas políticas e puxeron o país por diante dos partidos”, e amparase así “o uso da violencia, neste caso verbal, contra a presidenta da Deputación de Pontevedra por unha cuestión política”.
Por outra banda, Regades criticou que “Feijóo perdeu outra oportunidade de censurar a Gonzalo Durán -alcalde de Vilanova de Arousa, que chamou «chacha para todo» a Carmela Silva-, pero decidiu seguir amparando os seus insultos e comportamentos machistas”, continuou Regades. “Os socialistas nin compartimos, nin usamos nin imos a permitir este tipo de comportamentos, unha forma de facer política trasnoitada e que deberíamos deixar dunha vez por todas atrás”.
O secretario xeral socialista quixo tamén facer fincapé nas declaracións de Durán nas que defendía a Vox. “Feijóo di que en Galicia non ten cabida a ultradereita, pero tampouco sae a criticar cando un dos seus alcaldes os alaba sen rubor. Branquear á ultradereita é perigoso, como xa vimos nalgúns países europeos. Acaso pensa Feijóo bailarlles a auga?”, preguntouse Regades.