Ademais, un grupo de traballadores de distintas áreas sanitarias entregarán este venres na delegación do Sergas en Vigo centos de sinaturas de usuarios destes centros apoiando as reivindicacións do colectivo.
Dende a representación do persoal denuncian que malia que os profesionais dos PAC estiveron un mes en folga e a pesar das reiteradas afirmacións da administración nas que manifestaba a súa disposición a dialogar e a chegar acordos, “a realidade é que non houbo ningún contacto co comité de folga para negociar co obxectivo de atender as reivindicacións do colectivo”.
Igualmente, sosteñen que neste tempo endurecéronse as condicións de traballo, sobre todo do colectivo médico, “ao que se lle está a estender a xornada a golpe de burofax”. Ao mesmo tempo, deixouse sen cubrir a presenza de médicos en numerosas ocasións en varios centros. Por exemplo, na área de Vigo sucedeu no PAC da Guarda, en Redondela e en Moaña. “Esta é a forma de negociar do Sergas: peores condicións para as traballadores e peor servizo para as usuarios”, denuncian.