Tanto o IGVS como a Consellería de Política Social, a través do programa Reconduce, están en contacto coa afectada e coa Plataforma de Afetados pola Hipoteca de Vigo-Tui pero aclaran que non contan actualmente con vivendas dispoñibles para o realoxo desta familia nin en Vigo nin nas súas inmediacións. Nun primeiro momento ofrecéuselle unha vivenda en Vila de Cruces e agora estanse a avaliar outras opcións.
Esta situación é frecuente en Vigo, onde o organismo rexional adxudicou xa todas as vivendas dispoñibles (propias e cedidas por SAREB e entidades financeiras), incluíndo as de concellos próximos, como Porriño, Salvaterra de Miño, Tomiño, Salceda de Caselas, Moaña, Cangas, Nigrán, Ponteareas ou Moaña.
Dende 2015 o IGVS adxudicou de forma directa 50 vivendas a afectados por execucións hipotecarias, falta de pagamento de alugueiros, vítimas de violencia de xénero e familias en situación de extrema necesidade.
Desde a Xunta de Galicia aclaran tamén este caso non é un desafiuzamento por falta de pago, senón porque non existe un contrato de alugueiro da vivenda.
Críticas ao Concello de Vigo
Neste senso, o Goberno galego denunciou que “non existe colaboración por parte do Concello de Vigo, ao que se pediu que poña a disposición dos necesitados as vivendas da súa propiedade, sen que o fixera”.
“Tamén se lle pediu en repetidas ocasións, desde a Xunta, o Parlamento de Galicia, a Valedora do Pobo e as asociacións anti desafiuzamentos de Vigo, que se incorporase ao Programa de Vivendas Baleiras, negándose”, critica a Xunta.
Segundo considera o Executivo autonómico, a adhesión do Concello de Vigo a este programa permitiría dispoñer de vivendas para dar solución a este tipo de situacións. Ademais, posibilitaría que a Xunta concedese o Bono de Alugueiro Social no caso de que os ingresos fosen insuficientes.