Na moción, Marea de Vigo pon como exemplos a cidade da Coruña ou Santiago de Compostela, cidades que “teñen feito importantes avances recoñecendo á cidadanía e o seu dereito á participación na xestión municipal, asumindo así a súa capacidade non só para escoller aos seus representantes, senón na posibilidade de tomar decisións respecto ao gasto do orzamento, en algo que é de todas e todos e para o ben común”.
Nesta liña, Rubén Pérez destaca que “o propio código de bo goberno da FEMP, entidade presidida polo mesmo Abel Caballero, establece, nas súas ‘Medidas para a mellora da democracia participativa’, insta aos concellos a ‘implementar Orzamentos Participativos como instrumentos de mellora da participación da cidadanía na asignación dos recursos públicos e na definición de obxectivos prioritarios de xestión’, sendo tamén aprobado este código no Pleno do Concello de Vigo, polo que lle pedimos ao goberno do PSOE que sexa coherente”.
A cantidade proposta pola Marea de Vigo para ser adicada aos orzamentos participativos é de 2 millóns de euros para o primeiro exercicio no que se leven a cabo, esta cantidade pertence ao capítulo de investimentos, suporía aproximadamente un 7% do total do capítulo e iría circunscrita a unha serie de actuacións concretas, como poden ser cuestións relacionadas coas humanizacións, que a veciñanza poida decidir sobre parques públicos, parques infantís, xardíns, melloras nos mercados e espazos públicos…etc, introducindo deste xeito en Vigo unha cultura de decisión veciñal real, na que calquera veciño ou veciña que queira participar no proceso e converter os orzamentos da cidade nun orzamento colectivo poida ter o seu espazo. “De este modo, evitaríamos que os investimentos queden ao arbítreo unipersoal dun concelleiro ou concelleira, senón que estas sexan realizadas ao criterio colectivo da cidadanía, que en moitas ocasións se queixa precisamente desa arbitrariedade nos investimentos, afirmando que existen grandes desigualdades entre os barrios e parroquias viguesas”, engade Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal.