No caso da praza da Tellada, coñecida como da ‘Miñoquiña’, o BNG fala dun “estado calamitoso de conservación, por falla de limpeza, presenza de cristais rotos, ausencia de valados de protección e o un mal mantemento do parque infantil”.
Pola outra banda, a formación denuncia que a praza da Independencia carece dun mantemento axeitado e que os vehículos privados están a ocupar o espazo peonil, tanto como aparcamento como para circular. “Vemos como unha praza que foi emblema dun modelo de cidade pensado para as persoas, que o BNG impulsamos con valentía, agora é vítima do desleixo municipal”, critica Igrexas que advirte que a situación non pode continuar así nin agardar a que se materialice o anunciado “remozado” da praza.
A situación da praza de América “non é mellor, tanto polo estado das beirarrúas que a circundan”. Igualmente, o Bloque lembra que os valados perimetrais dos institutos Santo Tomé e Santa Irene continúan sen ser reparados, “a pesar dos reiterados anuncios e promesas do alcalde”.
En relación á anunciada intervención na praza de América, o candidato do BNG criticou a falla de “transparencia e diálogo coa veciñanza”. “Unha praza que é un verdadeiro nodo urbano que vertebra un dos centros da cidade non se pode reformar sen informar e dialogar coas veciñas e os veciños e co sector comercial”, asegurou.
Igrexas demandou “valentía e audacia para facer que as humanizacións sexan moito máis que renovar pavimentos”. “Humanizar de verdade sería apostar por unha cidade con máis espazo peonil, para as persoas, pero para iso hai que pular por reducir o uso do vehículo privado cun transporte público decente”, acrecentou.