O programa quedou artellado do seguinte xeito: o venres 20 actuarán Depedro, Nathy Peluso, Maryland, Mujeres, Calavento, Mireia Vilar, Odd Cherry Pie, Esteban & Manuel e Abraham Boba DJ set (León Benavente); e o sábado 21 os asistentes poderán gozar do Concerto Mahou Cinco Estrellas de Sidonie, The Limboos, Mueveloreina, Bigott, Las Odio, Alondra Bentley, Calavera, Inerttes, Indian Hawk, Sidonie DJ set, Esteban & Manuel DJ set e Picnic Pop DJ.
O festival continuará apostando por fusionar a música con experiencias ao aire libre. Ademais da vintena de propostas musicais do seu cartel, as persoas asistentes terán á súa disposición xogos, talleres, un mercadiño e unha oferta gastronómica a cargo de camións de comida.
A edición deste ano contará tamén cun Espazo Mahou deseñado específicamente para Vive Nigrán. Será un punto de encontro no que se poderá gozar de distintas sesións de DJ ao longo da fin de semana e ao que Mahou levará a Abraham Boba DJ Set (León Benavente) para a noite do venres e a Sidonie DJ Set para amenizar a sesión do sábado ao mediodía.
As actividades para cativos veranse reforzadas e tamén se lles inculcará aos máis pequenos e pequenas da casa o hábito de reciclar a través de actividades lúdicas e dinámicas levadas a cabo por Ecovidrio.