Acompañados polo reitor da Universidade, o alcalde de Vigo, a delegada do Goberno na Zona Franca de Vigo, o presidente do Consello Social da Universidade e o director da EE Industrial descubriron o segredo mellor gardado, un monopraza que presenta destacadas melloras respecto ao seu predecesor, o UM17, como a nova aero activa do alerón dianteiro e máis o sistema de cambio pneumático, todo isto propulsado por un motor Kawasaki ER6-n 650cc.
Entre os días 9 ao 12 deste mes o UM18 someterase á súa primeira proba real en pista, no circuíto de Assen, en Holanda, cara a onde parte esta tarde en camión, mentres que o equipo viaxará o sábado. A segunda carreira que disputarán será entre o 21 e o 26 de agosto en Montmeló.
O equipo deste ano está formado por 26 estudantes, procedentes das escolas de enxeñaría Industrial, Minas e Enerxía e Telecomunicación. Ao longo da temporada consolidaron e mesmo ampliaron a súa rede de apoio do tecido industrial e institucional, con máis de 60 empresas e organismos, que lles brindaron axuda tanto no deseño e fabricación de pezas como coa achega de recursos e de formación.
Agora, tras nove meses de traballo compaxinado cos estudos e co coche xa rematado, chegou o momento dos agradecementos. María Couso, team leader de Uvigo Motorsport, destacou o traballo feito polas institucións e empresas patrocinadoras e deu as grazas polo “esforzo e colaboración ano tras ano, sen o voso apoio isto non sería posible”.
En nome de todo o equipo tamén tivo palabras de agradecemento para profesora que coordina o proxecto, Ana Mejías, e para a Escola de Enxeñería Industrial “por seguir confiando en nós e por axudarnos dende hai catro anos, porque o que moitos crían que era una loucura, hoxe segue crecendo, evolucionando e mellorando no seo desta escola, á que todos xa consideramos a nosa casa”.
O director do centro, Juan Pardo, tamén resaltou o apoio dos colaboradores, “porque máis aló da axuda material e económica, o máis importante é a convicción de crer nesta idea, nesta ilusión que hoxe é xa unha realidade”. Para a escola é “un proxecto importante que sempre acollemos con moito entusiasmo, unha maneira de completar o proceso formativo do alumnado”, remarcaba.Primeiro reto, Assen
O UM18 é un monopraza de nace aprendendo dos erros dos seus antecesores. Como explica María Couso “intentamos solucionar problemas das temporadas pasadas, mellorando o sistema propulsor e a refrixeración do motor, aspectos que foron os que nos deron máis problemas o ano pasado”.
O coche tamén presenta melloras no eido da electrónica, cun sistema de telemetrías en tempo real, e no da aerodinámica, algo do que “estamos moi orgullos porque axuda a mellorar tanto o sistema de refrixeración do motor como a velocidade, o rendemento en curva e a condución do piloto”.O bólido parte en camión hoxe mesmo cara Holanda, o equipo sae o sábado e competición comeza o luns coas probas estáticas que como explica Couso son “design, cost e business, que consisten na xustificación de costes, deseño e plan de negocio”.
A seguinte fase é a inspección técnica e de seguridade do coche, que realiza un grupo de expertos, tras o cal comezan as probas dinámicas, nas que o UM18 será pilotado por Hugo Caride, compoñente de Uvigo Motorsport.Para este ano, Couso recoñece que teñen un reto claro: a proba de endurance. “O ano pasado foi o primeiro no que competimos en todas as probas dinámicas e quedamos ás portas de rematar o endurance por problemas de refrixeración”. Rematar este test supón obter 325 puntos dos 1.000 totais da competición, “ese é o noso obxectivo e con este coche e todo o que aprendemos de anos pasado confiamos en poder facelo” relataba Couso. E é que tras catro anos contan xa cunha ampla experiencia tanto no deseño como na construción, “fallou todo o que podía fallar e agora debería de funcionar todo ben”.
A segunda das probas nas que competirán este ano será en Montmeló do 21 ao 26 de agosto, o que lles permite, segundo a team leader, ter marxe de tempo suficiente para facer cambios no monopraza de ser preciso.