O anuncio foi comunicado este martes pola representación do persoal (CIG, USO e CCOO) na rolda de prensa celebrada nas instalacións da compañía na estrada de Camposancos. O presidente do comité, Rufino Santalices, da CIG, explicou que as negociación comezaron o pasado 5 de maio e que o desacordo entre as partes chegou tras sete xuntanzas xa que “cando dous negocian e un non quere poucas cousas se poden conseguir”.
Polo tanto, o pasado mércores optaron por levantarse da mesa e aproveitaron as catro asembleas informativas que xa estaban convocadas para trasladarlle aos traballadores o estado das conversas para analizar o novo escenario derivado do inmobilismo da dirección. “Explicámoslle o que estaba a suceder e propuxémoslle a posibilidade de convocar folga, proposta que saíu adiante por ampla maioría”.
Con todo, a representación sindical convocará unha nova asemblea conxunta o vindeiro luns ás 22:00 horas para que a totalidade do persoal -uns 600 empregados- ratifique unha folga indefinida que comezará a partir das 06:00 horas do vindeiro venres 13 de xullo.
Principais atrancos
Entre as cuestións que imposibilitan un acordo que permita formalizar un novo convenio salientan a duración do mesmo, a suba salarial e os dereitos sociais.
Segundo informou a CIG, a empresa quere pactar un convenio a dous anos (o persoal insiste en asinalo a un ano) que contempla un incremento de soldos do 1% “pero a conta de conxelar a antigüidade, retirar os complementos de incapacidade temporal e restrinxir a certo persoal as melloras sociais das que agora gozan o conxunto dos traballadores/as”, aspecto este último que consideran moi grave.
Pola súa banda, o persoal demanda unha suba de máis do 2%, “por riba do acordo de negociación colectiva que veñen de asinar os sindicatos estatais e a patronal”.Os sindicatos tamén indican que se pretende recortar o seguro de vida do que dispoñen todos os empregado, xa que a intención de FCC é que o persoal de fin de semana que teña que facer uso del o faga de xeito proporcional ao tempo traballado. “Isto significará que en caso de morte, por exemplo, esa morte custará menos se se trata dun destes traballadores”.No que ten que ver coa axuda familiar por persoas con discapacidade ao cargo que contempla o actual convenio (fixada en 70 euros ao mes para o persoal de luns a venres), a pretensión da empresa pasa por reducila de xeito proporcional ao tempo traballado no caso do persoal de fin de semana, algo que dende o comité consideran “denigrante”. Isto, sumado ás reducións citadas anteriormente, provocaría unha importante perda de dereitos e baixada salarial.
A dirección de FCC quere eliminar tamén a bolsa de emprego mediante a que o persoal de fin de semana cubre, en base á antigüidade, as baixas que se producen na empresa por xubilación.
“Nin un paso atrás”
Dende o comité de empresa quixeron deixar moi claro que non van dar “nin un paso atrás” na súa loita para evitar a perda de dereitos e reivindicar unhas condicións de traballo dignas, “máis tendo en conta que no pasado mes de abril incrementouse considerablemente o canon económico que o Concello lle paga á empresa”. Así, insistiron en que non están dispostos a perder dereitos salariais nin sociais “que tanto tempo e esforzo nos custou conseguir”.
Finalmente, dirixíronse ao conxunto da veciñanza para pedirlle desculpas polas molestias que a folga lle poderá ocasionar, “pero queremos que saiban que non temos máis remedio que convocala para defender as nosas condicións de traballo porque a empresa non nos deixa outra saída coa súa actitude”.