Nesta apreciación coincidía boa parte do alumnado que este martes comezou as probas de acceso á universidade, de cuxas notas dependerá o seu futuro académico. En total, dez escolas e facultades dos tres campus da Universidade viguesa acollen os exames, que comezaron a primeira hora deste martes con Lingua Castelá e Literatura e, xa despois, con Historia de España.
En total examínanse en Galicia 11.446 alumnos e alumnas, 4.478 deles na Universidade de Vigo: 2.384 no campus olívico, 942 en Ourense e 1.152 en Pontevedra. As notas provisionais faranse públicas o 22 deste mes e posteriormente abriranse os prazos de reclamación e de segundas correccións.
As cualificacións definitivas coñeceranse o 4 de xullo e o prazo de preinscrición nas titulacións do Sistema Universitario de Galicia estará aberto do 25 de xuño ao 3 de xullo. A publicación da 1ª listaxe de admitidos e de espera farase pública o 16 de xullo e o primeiro prazo de matrícula para as titulacións con límite de prazas abrirase entre o 17 e o 19 de xullo.
No campus de Vigo, onde as e os aspirantes a universitarios se dividiron en cinco centros, a sensación xeral tras saír do primeiro exame era a de alivio. “Non foi difícil, penso que aprobar é fácil, o difícil é conseguir nota”, explicaba Judit Carrera, alumna do CPR Plurilingüe Mariano de Vigo, ao Diario da Universidade de Vigo (Duvi).
“Eu elixín a opción A no primeiro exame, na que se preguntaba pola poesía das tres décadas seguintes á Guerra Civil”, explicaba ao carón das súas compañeiras Rosalía Pérez e Laura Salceda, que optaron pola opción B, cunha parte teórica centrada na Generación del 98 e o libro La Fundación e un comentario de texto sobre desastres meteorolóxicos.
Igual de satisfeitas tamén se amosaron Andrea Lara Vázquez, Andrea Fernández e Carlota Poceiro, alumnas do IES San Tomé de Freixeiro de Vigo. “Foi mellor do que pensabamos, ata nos sobrou tempo, que era unha das nosas principais preocupacións, xunto con quedarnos en branco”. Mentres repasaban os apuntamentos de Historia recoñecían que Galego é unha das materias ás que lle teñen máis medo. O que si teñen claro son as titulacións que queren estudar: Dereito, Comunicación Audiovisual e Educación Infantil.Para Carla González e Carla Fernández “o primeiro exame foi bastante ben, pensabamos que ía ser máis difícil, pero non foi para tanto”. Ao que si recoñecían terlle algo de medo é “a Historia e a Matemáticas”. Mirando caro o futuro, Carla Fernández ten claro que a súa vocación está na Enfermaría pero a súa compañeira recoñece que aínda non sabe que quere estudar, “teño máis claro as cousas que non quero facer que as que quero, así que, segundo a nota que saque, xa verei”.
Un caso especial
Un caso especial é o do estudante chino Zheng Wang, quen hai apenas tres anos a única palabra que sabía dicir en galego/castelán era ‘ola’. Alumno do IES Auga da Laxe de Gondomar, é o que se chama un estudante de integración tardía, o que lle permite ter certa flexibilidade horaria para realizar o exame.
“Apenas leva tres anos escolarizado en España e cando chegou non sabía absolutamente nada de español e, aínda que lle segue faltando moitísimo léxico, a súa progresión foi extraordinaria”, explica Eva Del Valle, a súa profesora de Lingua Castelá e Literatura.
“Ao principio cando cheguei memorizaba cada día unha lista de 30 palabras, agora a lista medrou ata arredor de 100 palabras por día”, explicou ao saír do exame. “Penso que a parte de léxico me saíu ben e, no que respecta á literatura, a ver se son capaz de rabuñar algún punto”, recalcou. Respecto ao seu futuro teno claro, “eu o que quero é estudar Química e traballar nun laboratorio”.